JA
02 About

Falar de tradición reposteira na nosa terra é falar da elaboración de sobremesas e doces variados e diversos, cun profundo arraigamento na cultura galega. Falar de doces do convento, repostaría monacal ou doces das monxas, é falar de tradición, é falar de ingredientes naturais e de primeira calidade, sen aditivos industriais, ingredientes como fariña, azucre, ovos, améndoas, mel, aceite, coco… É falar de receitas centenarias, que se transmitiron a través dos séculos de xeración en xeración.
Trasmañó

os
doces Pecados
Ora et labora
Trasmañó é unha pequena parroquia, situada no termo municipal de Redondela, na provincia de Pontevedra. Ubícase a 330 metros de altitude e ten unha poboación estimada de 1050 habitantes. Alí, a menos de 8 quilómetros de Vigo, atópase o Convento Beneditino de Trasmañó, formado por doce irmás. Como outros moitos conventos galegos, sobreviven grazas á súa repostaría. A súa abadesa, Isabel Vicente Rey, indicou que os doces que elas elaboran actualmente son as bolas, as louras e o seu produto estrela, as natas.
Das doce irmás que viven en Trasmañó, sete delas son as encargadas de elaborar estes produtos. Aseguran que a pesar de que venden moito entre os turistas, contan cuns clientes fieis e moi variados, desde os máis pequenos aos maiores da casa. O seu lugar de vena é alí no mosteiro, aínda que onde máis conseguen vender é nas quince tendas coas que colaboran na cidade de Vigo. Grazas ao seu sabor, son moitos os fieis clientes que cada semana pasan polos comercios a mercar especialmente as súas natas. Colaboran ademais co Mosteiro de Armenteira, onde venden as súas galletas desde que elas non producen. Tamén ofertan os seus doces en grandes almacéns ou aeroportos. Unha vez ao ano, levan os seus produtos a unha feira de Madrid.

Esta é a súa maneira de vivir, son coma “unha pequena empresa”, asegurou a súa abadesa. Co paso dos anos, a pesar de que cambiaron o traballo manual polas máquinas, as receitas mantivéronse de xeración en xeración sen ningún cambio.

A súa maneira de produción é a demanda. Normalmente fan un día ou dous á semana as galletas. A súa elaboración está moi pautada e ordenada desde hai anos, engadíndolle agora a maquinaria na súa elaboración.
A receita das pastas de nata, o seu doce estrela, elaborouna unha das irmás de Trasmañó hai 35 anos. A pesar de que a causa da guerra civil non puideron atopar os mesmos produtos coa calidade de antes, sempre tentaron seguir mantendo e seguindo a receita ao pé da letra, coa axuda das máquinas, por suposto.

Anteriormente, as monxas que viven en Trasmañó pertencían a un antigo convento situado en A Garda. Nun momento de crise, decidiron deixar o seu lugar de residencia, que actualmente é un hotel, e chegaron a Redondela. Ademais de dedicarse á repostería, tamén teñen unha pequena hospedaxe aberta a todas aquelas persoas que queiran descansar durante uns días e respirar e desfrutar da tranquilidade da ría de Vigo desde as alturas.
Doces elaborados de Trasmañó (Elaboración propia)
A Nai Isabel amosando a súa máquina (Elaboración propia)
A Nai Isabel ensinando o funcionamento da máquina (Elaboración propia)
(Elaboración propia)
(Elaboración propia)
(Elaboración propia)
Pantón
O Mosteiro das Nais Bernardas de Santa María de Ferreira de Pantón atópase na provincia de Lugo e conta coa peculiaridade de ser o único de toda Galicia que conservou a súa función desde a súa creación, no século noveno, ata o presente. Actualmente conta con sete irmás que vén na repostaría monacal a súa maneira de vivir.
Sor María Cruz Marcos Martínez indicou que desde hai moitos anos, o convento de Pantón elabora catro tipos de doces.
A tarta de amendoados ou tamén coñecida como rosca, o seu produto estrela, leva por debaixo unha oblea que lle dá un sabor especial. Os debuxos que se amosan na parte superior están feitos a man polas monxas, o que fai que sexan únicas entre estas roscas.
Deixando de lado a torta, que vén desde o século XVI ou XVII, ao abrir a tenda onde venden os produtos no convento, aumentaron os produtos tamén. Foi nese momento cando as monxas se puxeron mans á obra para lograr novas receitas. Os coquiños son uns dos doces que se crearon.

O resto de pastas fanas mediante uns moldes, que poden ser máis pequenos ou máis grandes, e con distintas formas. Un dos seus obxectivos é o de conservar a artesanía, a elaboración manual, ademais de seguir conseguindo produtos sen conservantes nin colorantes.
Para realizar as golosas, os coquiños ou a torta, tardan toda unha mañá. Non teñen establecidos uns días concretos para a súa elaboración, producen segundo lle fai falla. Ao non ter data de caducidade poden durar varios meses.
O único posto de venda é na tenda do propio mosteiro. Alí turistas, veciños ou clientes dos balnearios próximos achéganse ata o convento para, ademais de apreciar o monumento, degustar un dos doces das monxas de Pantón.

O obradoiro é un dos seus lugares sagrados. Ao entrar nel apréciase, a diferenza de outros, a falta de máquinas. Alí é onde elas traballan varias veces á semana para crear as masas, cocelas e logo secar as galletas para poder empaquetalas en bolsiñas ou caixas. Toda a materia prima que empregan cómpranlla a representantes de almacéns que van polo convento pola comodidade de que lle levan os produtos alí mesmo.
A elaboración e venda das tortas, golosas e demais doces supón a financiación total do convento.

A sua máxima de vida é o “Ora et labora”, pero hai moitos anos, as monxas de Pantón en vez de dedicarse á repostaría traballaban para unha fábrica de calcetíns. Actualmente, e debido á diminución do número de irmás e á dependencia dalgunha delas, tiveron que cambiar o seu traballo.

Santa Clara
A Nai Cruz amosando os doces (Elaboración propia)
Doces de Pantón (Elaboración propia)
Alegrías de Pantón (Elaboración propia)
A Nai Cruz cunha bolsa de golosas (Elaboración propia)
(Elaboración propia)
(Elaboración propia)
(Elaboración propia)
En plena capital galega atópase un dos conventos de clausura máis famosos: o de Santa Clara. Foi o primeiro que as clarisas tiveron en Galicia. Foi tamén fundado e impulsado por dona Violante, muller do rei Alfonso X o Sabio, na segunda metade do s. XIII, polo que ten o título de “Real”. No Obradoiro de Santa Clara a especialidade eran as magdalenas. Sor María Adoración explicou que o éxito deste doce debíase a que o seu sabor era moi especial. Ademais disto tamén facían outros doces e manxares.
O lugar de venda dos doces era unicamente no torno do mosteiro. Ata alí achegábanse os santiagueses para mercar as famosas magdalenas para celebracións especiais. Tamén os peregrinos e turistas, que cando querían visitar o emblemático lugar e levar algún produto típico de Santiago, pasaban polo convento, para poder amosar así na súa terra un anaquiño santiagués.
As receitas mantivéronse pasando de xeración en xeración, dunhas irmás a outras traspasando séculos. A única diferenza que se atopan entre os produtos de antes e os de agora é a súa elaboración, pois as máquinas tan só axudan a crear máis facilmente os doces. Isto facilítalles moito o traballo. Consideran que tiveron una evolución positiva nese aspecto.
Cando aínda elaboraban os seus típicos doces, as monxas facíanos sobre dúas veces á semana para que estivesen frescos, ocupándose un día das magdalenas e outro dos brazos de xitanos, por exemplo, que logo vendían na fin de semana no torno do convento.
Existe unha tradición que explica que para que non chova no día da túa voda hai que levar unha cesta de ovos a un convento de irmás clarisas. Esta tradición segue viva en Santiago de Compostela, onde as monxas de Santa Clara reciben os ovos das ofrendas. A época na que maior é a cantidade é no verán. Sempre que poden colaboran con Cáritas, coa Cociña Económica ou con algún grupo que axude á xente máis desfavorecida coa alimentación.

As súas receitas non mudaron, pero si ampliaron o seu repertorio. Antes só facían as magdalenas, mais nos últimos anos de elaboración para a venda e para consumo propio, o brazo de xitano ou o flan son algunhas das novas sobremesas que nunca faltan. Á hora da súa elaboración dividíanse o traballo entre tres. Cada unha ía pasando dun posto a outro cada día, para poder desfrutar de todos os traballos da repostaría. Nun día normal de traballo levantaríanse ás seis e media da mañá e rezarían dúas horas e media. Despois de almorzar e ordenar a súa habitación comezarían coas labores da cociña, onde estarían ata as tres da tarde.

Unha das ilusións e esperanzas que gardan as dez monxas do convento de Santa Clara é o de poder volver a elaborar os doces no obradoiro e poñelos á venda, para así darlle a oportunidade a todos os turistas, peregrinos e santiagueses de levar ás súas casas un anaquiño delas tamén.

Mantendo a tradición
Fachada do Convento de Santa Clara (Elaboración propia)
Torno de Santa Clara (Elaboración propia)
Sor María Adoración (Elaboración propia)
Sor María Adoración sorrindo (Elaboración propia)
(Elaboración propia)
(Elaboración propia)
(Elaboración propia)
Os xornalistas




Branca Ansia, 21
Compostelana de nacemento e de corazón. Futura xornalista e actual soñadora.
Alfonso Alonso, 22
Aínda que podes chamarme Fon. Son de Vigo pero tamén cidadadán do mundo. (Futuro) xornalista e máis cousas interesantes. Teño moitas frases bonitas e non podo poñer só unha!
Luis Boya, 20
18 de xaneiro do 1997. Ponferrada, El Bierzo (León). Estudante de xornalismo. “Y al resto del mundo deseo sincero de éxitos en la batalla”, Izal.
Noelia Castaño, 21
Teo. Estudante de xornalismo. "O pobo que a olvida a súa historia está condeado a repetila"
Gustouche a nosa reportaxe? Comparte!
Elemento ornamental do convento de Pantón (Elaboración propia)